29 de agosto de 2007

Capítulo I, parte I

Nun camiño, case sen casas, so un par delas de pedra abandonadas e algún que outro muro; ía a repetirse, xa como de costume, unha desas vellas lendas que xa son só leves palpitares na memoria dos máis vellos. Hoxe, na época das guerras, alianzas, o consumismo, a fame... tan só se consideran desvaríos dos adultos para aterroriza-los nenos, un contos que xa nada significan. Que importará nesta época o que lles acontecía fa¡ anos a xente en casas de pedra, onde convivían persoas e animais? Que importará xa?, agora que vivimos nos rañaceos, sen medo, porque un home cun saco, que aterrorizaba antano aos rapaces; non sabería usa-lo ascensor, nin as escaleiras mecánicas, nin usar un simple timbre, pero, como ano tras ano se repite xa sexa en covas, en casas de burgueses, en choupanas da prole, nas aldeas, nas cidades... si é importante mante-la tradición da verdadeira Creación, e rexeitar xa esa ideas de Deuses, extraterrestres, materia biolóxica... Porque este é o Saber Ancestral, aínda que soe místico...

Esta é a esencia da Verdadeira Unión...
_________________________________________

Facía frío, estaba escuro e a néboa era densa.

Acababa de dobra-la esquina unha moza de cabelo negro, moi escuro. A uns cen metros dela había outro mozo cunha idade que roldaba os vintetrés anos. El simplemente estaba a observa-la lonxanía pero, de repente, ao percatarse dun xesto brusco, centrou a vista nesa moza. Nese intre, durante unha décima de segundo, viu como o móbil da rapaza caía e, ela, nun intento de atrapalo estirou o brazo. Noutra milésima de segundo puido ver como o aparato caía cara ó chan e, cando estaba a punto de contactar co asfalto, volveu, como se un invisible resorte o elevase, cara a man da súa dona. Ela recolleuno con aire de suficiencia, como se o fixese tódolos días. Seguiu camiñando, pero, de súpeto, decatándose de algo que a aterrorizaba enormemente, e como se soubese que el estaba alí, mirou cara atrás e, sen apenas percatarse, nun suspiro apareceu diante dos ollos del. Colleuno da man mirándoo como se el fose o culpable da rareza da situación e, sentindo un baleiro no estómago e o frío da noite na pel, apareceron na ladeira que había en fronte, ao lonxe, a quilómetros de distancia. A néboa, que fora bastante persistente durante o día, agora parecía medrar, cada vez máis densa e en máis cantidade. O mozo sentiu como ela caía con todo o seu peso enriba del. De súpeto, a rapaza levantouse e dirixiulle unha mirada profunda, case aterradora. E1 percibiu, no último instante que sostivo a mirada un reflexo nos seus ollos; granate e, despois, gris... Os seus ollos eran grises, mais dun gris frío, sen vida. De novo volveu sentir como ela esvaraba de volta dos seus brazos e, case sen darse conta, a moza de cabelo negro levantouse e bicouno. A sensación, nun primeiro momento agradable, converteuse nun sentimento de desasosego e cansazo...

O rapaz sentiu como se a vida se ¡le fose do corpo polos beizos. Non puido soltarse. Escuridade. Tranquilidade. Ao cabo dun minuto o mozo espertou.

Seguía no mesmo lugar. Só. Na noite. Na néboa. Mirou cara atrás e alí estaba aquela rapaza, con aire preocupado, sentada nun bloque de pedra, fitando cara a lonxanía, pensando en algo desacougante. O rapaz non sabía se achegarse, botar a correr ou, se despois de todo, todo ¡so era un pesadelo. De ser un soño, non estaba tan mal, gustáballe a aventura. Si, era un soño. Decidiu continualo e falarlle:

-Ola, como te chamas?- foi o que se lle ocorreu.

26 de agosto de 2007

A Iluminación

Hola, benvidos a Segundo Xénese.
Hoxe será unha pequena dose de historia.
O comezo. As explicacións. A iluminación.

En maio de 2006 un soño abafante acabou por espertar-me.
Eu paseaba por unha rúa, sen rumbo fixo. Era a estrada que pasaba xunto a miña casa.
Ía mirando a paixase, cara a serra que se recortaba no oeste, contra luz do ocaso.

"Unha rapaza de pelo escuro estaba ó final da baixada do camiño. Co móbil na man.
Caeulle o chan, nese momento, en apenas milésimas de segundos, apareceu o meu carón, colleume da man, miroume con carraxe e bicoume. No intre que sentía os nosos beizos xuntarse, o mundo escureceuse e caín ó chan, nun dos outeiros que antes ocultaban os últios raios de sol. Agora arrodeado dunha fina néboa, na noite máis escura, en fronte da rapaza de fraccións delicadas, ollos verdes, pelo lacio e escuro. Seguíame a mirar con odio, eu era o culpable de algo, algo polo que ela desexaba morrer. Suicidarse. O aire pesaba e cargaba os pulmóns. A neboa espesaba. As lágrimas xurdían dos seus ollos. Quería morrer. Queriamos morrer. Espertei."

Eran as cinco da mañá. Espertei. Bañado en suor. Espertei, seguía a durmir. Esquencía o que pasara. Era incapaz de respirar. Sentía pena. Culpa.
Acendin o ordenador e escribinno así como o vedes.
Meses despois, por inspiración dunha rapaza parecida á do soño (excepto pola cor do pelo) comecei a escribir un relato de 26 páxinas. Unha carga de sentimentos invadíame ó escribilo. Invademe o le-lo e o recordalo. Espero transmitirvos a mesma sensación.

Grazas por lerme.